Volver ao inicio

Os microrrelatos premiados en 2022: pandemia, perda da memoria e a descuberta da lingua
  • Antonio Cepeda Fandiño, profesor de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela; Carlos Neira Suárez, xubilado do naval de Mugardos; e Anabel Rodríguez Vázquez, perruqueira natural de Castro Caldelas e veciña de Ourense, gañan o primeiro, segundo e terceiro premio na modalidade de adultos, respectivamente
  • Na categoría xuvenil o primeiro premio é para Antía Novas Arribas (Bueu), o segundo para Lucas González Pérez (Ourense) e o terceiro para Carlota Alcalde Lorenzo (Noia)
  • Na modalidade infantil os premiados son Elena Pastoriza Cortizo (Bueu), Marina Cabrera Vives (Castrelo de Miño) e Ximena Landeira Lista (Santiago de Compostela)
  • Os xurados elixiron tamén tres historias finalistas na modalidade de adultos de Marta Villar Rodríguez (Malpica de Bergantiños), Paula Méndez Casais (Raxó, Poio) e Laura Pilato Rodríguez (Ourense); dúas na xuvenil de Óscar Mirás Sánchez (Tui) e Alía Álvarez Puíme (Cangas); e outras dúas na categoría infantil de Lois Brea Bargo (Ames) e Almudena Trujillo Pérez (Ribadavia)

A edición en PDF dos relatos premiados está accesible nesta ligazón.

Vidas roubadas, as feridas da vellez na memoria, a descuberta da lingua de acollida, mesmo unha coreografía astronómica e, sempre, a capacidade de cativar e abraiar. Estes son algúns dos ingredientes das nove historias gañadoras e finalistas do V Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal, que consolida o éxito de participación entre xente de todas as idades con máis de 900 contos presentados. Antonio Cepeda Fandiño (Santiago de Compostela, 1967), Antía Novas Arribas (Bueu, 2004), e Elena Pastoriza Cortizo (Bueu, 2012) fixéronse cos primeiros premios nas categorías de adultos, xuvenil e infantil, respectivamente. Os segundos premios son para Carlos Neira Suárez (Mugardos, 1950), Lucas González Pérez (Ourense, 2005) e Marina Cabrera Vives (2012), nada en Tarragona e residente en Castrelo de Miño; e os terceiros para Anabel Rodríguez Vázquez (Castro Caldelas, 1967), Carlota Alcalde Lorenzo (Noia, 2006) e Ximena Landeira Lista (Santiago de Compostela, 2010).

O xurado da categoría de adultos –composto polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico, Manuel González González; a académica correspondente Olivia González; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista e membro do comité de redacción de Luzes Marta Otero– avaliou preto de 500 relatos de ata 200 palabras presentados por persoas maiores de idade residentes en Galicia, outras comunidades autónomas e países como Suíza ou Brasil.

Entre todos eles, resultou gañador do primeiro premio de adultos “Aire libre”, unha historia inspirada na pandemia, pero cun xiro inesperado, asinada por Antonio Cepeda Fandiño, profesor de Xeografía e Historia e responsable da área de documentación do Museo Pedagóxico de Galicia.

Carlos Neira Suárez, xubilado do sector naval, fíxose co segundo premio de adultos con “Cronoloxías”, un relato conmovedor sobre as pegadas do paso do tempo na memoria; e Anabel Rodríguez Vázquez, perruqueira e veciña de Ourense, gañou o terceiro da mesma modalidade con “Herdanza”, un conto sobre arelas infantís e perdas irreparables. Non é o primeiro galardón deste tipo que consegue, xa que acadou previamente en dúas ocasións o concurso de microrrelatos do Consello Xeral da Avogacía Española e resultou finalista noutros.

 

Xuvenil

As preto de 300 historias presentadas por nenos e nenas de ata 11 anos e as case 200 escritas por mozos e mozas de 12 a 17 anos foron avaliadas pola académica de número Fina Casalderrey; o académico correspondente Ramón Nicolás; a secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo; Cristina Ríos, membro do equipo da mesma entidade; e Santiago Romero Quintas, membro do comité de redacción de Luzes.

Tras as deliberacións do xurado para as categorías de menores de idade, Antía Novas Arribas, alumna de 2º de BAC do IES Johan Carballeira de Bueu, resultou a gañadora do primeiro premio na modalidade xuvenil co relato “Sen”, unha historia estremecedora de pouco máis de 100 palabras. “Nacido con identidade propia”, un relato que conecta o valor do patrimonio natural coa consciencia de noso, valeulle o segundo premio na modalidade xuvenil a Lucas González Pérez, alumno de 1º de BAC do Colexio Marista Santa María de Ourense. E o terceiro premio da mesma categoría foi para o desacougante “Quen son?”, de Carlota Alcalde Lorenzo, alumna de 4º da ESO do IES Campo de San Alberto de Noia.

 

Infantil

O relato gañador máis curto, “O gran baile”, de tan só 16 palabras, é de Elena Pastoriza Cortizo, alumna do CEIP Montemogos de Beluso (Bueu), que se fixo co primeiro premio na categoría infantil cunha fermosa danza planetaria. O segundo premio da mesma categoría recaeu en “Lingua adoptiva”, un conto baseado na descuberta do galego da propia autora, Marina Cabrera Vives, alumna do CEIP Castrelo de Miño. A pequena instalouse coa súa familia non hai moito no Ribeiro procedente de Cataluña e o seu álter ego nesta historia anima a romper a falar en galego a todas as persoas para as que non é a primeira lingua.

A peregrinación a Compostela de Isabel, “A mosca viaxeira”, deulle a Ximena Landeira Lista, alumna do CEIP Ramón Cabanillas de Santiago de Compostela, o terceiro premio da categoría de infantil, na que o xurado tamén elixiu outros dous relatos finalistas: “Abducido”, de Lois Brea Bargo, alumno do CEP de Ventín (Ames); e “O superrato” de Almudena Trujillo Pérez, alumna do CEIP Ribadavia. Coma no caso de Marina, o contacto de Almudena coa lingua galega é recente, xa que ata hai tres anos viviu en México.

 

Premios tecnolóxicos e publicación dos relatos

As persoas premiadas recibirán, nun acto que terá lugar proximamente na Real Academia Galega, diferentes galardóns tecnolóxicos e libros, entre outros obsequios, e os seus relatos serán ademais recollidos nunha publicación dixital. A revista Luzes tamén os publicará na súa edición en papel xunto aos finalistas.

Entre estes últimos, na modalidade de adultos, o xurado seleccionou tres historias máis. Unha delas é “Vitoria e sospeita de pemento”, que trae a Emilia Pardo Bazán ao século XXI. A autora, a xornalista natural de Malpica Marta Villar Rodríguez, xa fora finalista na edición anterior do mesmo concurso e tamén o foi do Concurso de Poesía Gloria Fuertes do concello sevillano de La Rinconada no ano 2021; e como articulista gañou o Premio Tiflos de Periodismo 2020 e foi finalista do XLI Premio Afundación de Periodismo Julio Camba (2020). Outro conto finalista é “Cóchegas e Winston de batea”, de Paula Méndez Casais. Redactora publicitaria natural de Raxó (Poio), inspirouse nos seus avós para contar esta emotiva historia, outra narración baseada nas consecuencias da deterioración cognitiva na vellez. O xurado de adultos tamén declarou finalista “Confesión”, da ourensá residente en Vigo Laura Pilato Rodríguez, técnica veterinaria de profesión. Abondárolle pouco máis de 50 palabras para escribir unha historia sobre o amor maternofilial e a homofobia.

Por último, os relatos finalistas na modalidade xuvenil son “Os segredos do manicurto”, de Óscar Mirás (Tui, 2004), alumno de 2º de BAC do IES Indalecio Pérez Tizón; e “Ela”, de Alía Álvarez Puime (Cangas, 2010), alumna de 6º de primaria do CEIP A Rúa de Cangas do Morrazo.

 

A edición en PDF dos relatos está accesible nesta ligazón.

Esta páxina web emprega cookies para mellorar a experiencia do usuario/a. Se continúas navegando consideraremos que aceptas o seu uso.    Máis información
Privacidad