Na categoría de adultos presentáronse preto de 500 microrrelatos que serán avaliados polo presidente da Real Academia Galega, o escritor e xornalista Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal, e tamén académico, Manuel González González, catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela (USC); a académica correspondente e profesora de Literatura Comparada da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez; o director xeral de PuntoGal, o xornalista e profesor da USC Darío Janeiro; e a xornalista Marta Otero Mayán, membro do comité de redacción de Luzes.
As preto de 300 historias que concorren na categoría infantil (ata 11 anos) e as case 200 presentadas á xuvenil (de 12 a 17 anos) están a ser lidas polo xurado composto pola escritora e académica Fina Casalderrey, membro da comisión executiva da RAG; a enxeñeira de telecomunicacións e profesora da Universidade de Vigo Edita de Lorenzo, secretaria da xunta directiva de PuntoGal; o escritor, crítico literario e profesor Ramón Nicolás, membro correspondente da RAG; a filóloga Cristina Ríos, membro do equipo de PuntoGal; e Santiago Romero, membro do comité de redacción de Luzes.
A decisión dos xurados será dada a coñecer nas páxinas web da Real Academia Galega e PuntoGal e mais na do propio concurso, relatos.gal, onde tamén se difundirá a publicación dixital que recollerá as historias gañadoras. A revista Luzes tamén os publicará na súa versión en papel xunto a unha escolma dos microrrelatos finalistas.